viernes, 24 de abril de 2015

TRAZOS CEREBRAIS DE INDIVIDUOS QUE NON RECORDAN A SÚA VIDA EN PRIMEIRA PERSOA

Un dos máis estraños trastornos da memoria consiste na incapacidade para recordar eventos autobiográficos en primeira persoa. Científicos norteamericanos estudaron que sucede nos cerebros de tres individuos con esta condición, e descubriron que presentan unha activación reducida nas rexións cerebrais centrais, que desempeñan un papel destacado nos procesos de memoria autobiográfica. O trastorno contrario, a memoria autobiográfica moi superior ou hipertimesia -que fai imposible esquecer os detalles máis nimios- tamén foi analizado nos últimos anos dende o punto de vista neurolóxico.
A memoria é unha capacidade cognitiva moi complexa que ademais pode presentar trastornos moi variados, como amnesia, lagoas mentais, falsos recordos, dificultade para recordar palabras (anomia), etc. Entre todos estes trastornos existe un especialmente estraño, coñecido en inglés como severely deficient autobiographical memory(SDAM) ou memoria autobiográfica severamente deficiente.

SDAM consiste na incapacidade para volver experimentar eventos persoais do pasado como propios, é dicir, para recordar o que se viviu en primeira persoa. Polo tanto, as persoas con este trastorno poden recordar episodios e detalles que vivisen no pasado, e mesmo contárllelos a outros, pero non se poden imaxinar a si mesmas neles.


jueves, 23 de abril de 2015

É NECESARIO GATEAR ?

Pais e pediatras coinciden en que os bebés deben gatear antes de camiñar. Gatear tamén considerouse un requisito previo na progresión normal doutros aspectos do desenvolvemento neuromuscular e neurolóxico, como a coordinación óculo manual e a maduración social. Pero investigacións recentes dubidan desta crenza común.
Segundo o antropólogo David Tracer, da Universidade de Boulder en Colorado, os bebés dos au, cazadores recolectores de Papua Nueva Guinea, non pasan polo estadio de gateo. Os seus pais e outros coidadores lévanos nos brazos ata que son capaces de camiñar. Aínda así, non parece que saltarse esta fase teña efectos negativos neses nenos. De feito, non gatear podería ser normal e mesmo adaptativo.